¡Hola! Utilizamos cookies propias y de terceros para analizar el uso de esta web y mejorar tu experiencia de navegación. Al continuar navegando entendemos que aceptas nuestra política de cookies.    Saber máis - Aceptar.
Entrevista con Luis Penido, xerento do centro especial de emprego Trameve

Conversamos con Luis Penido, xerente do centro especial de emprego Trameve

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

 

  • O importante é que todo o mundo teña a súa oportunidade e que todo o mundo vaia buscando o lugar no que mellor encaixa para poder aportar á sociedade
  • Penido afirma que o seu obxectivo é a promoción e creación de emprego de calidade para as persoas con discapacidade

Que é e quen conforma Trameve?

Trameve é un centro especial de emprego da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade. Están traballando, agora mesmo, 15 persoas desenvolvendo todas as actividades que implican a nosa actividade. Somos un centro de reciclado de automóbiles en fin de vida, é dicir, xestionamos desde a baixa en Tráfico ata o despezamento do vehículo e a comercialización dos recambios. Temos un equipo de traballo moi profesional. Levamos con este proxecto desde finais do ano 1999; arrancamos no ano 2000 e estamos localizados no polígono do Tambre en Santiago de Compostela.

No tempo que levades traballando, cales serían os fitos máis salientables?

Ao principio tiñamos un descoñecemento importante da actividade; a do despezamento de automóbiles era unha actividade que se leva desenvolvendo desde fai moitísimos anos, pero -desde finais dos anos noventa- xa se apuntaba que desde Europa ían marcar unhas directrices para regular o sector. En 2002 implantouse unha normativa que regula os CAT, os centros autorizados de tratamento en España. Nós optamos a ser un centro autorizado de tratamento e realizar un tratamento ecolóxico e protector co medio ambiente, que permitise unha maior reutilización de recambios.

Desde ese momento sempre traballamos cunha filosofía: marcar unha referencia para o sector. Un sector que nós ten como referente en canto a prácticas axeitadas, saudables e protectoras co medio ambiente; de como xestionar os residuos que incorporan os vehículos -que ao final da súa vida útil teñen que ser extraídos- cun proceso que se denomina descontaminación, e logo se realiza o despezamento.

Como principais fitos desde que empezamos a traballar resaltaría cando nos certificamos coas ISO 9001 e 14001; cando empezamos a traballar coa Xunta de Galicia para realizar formacións aquí para o sector. Tamén foi un fito importante cando a Consellería de Medio Ambiente avaliou a todos aos CAT, os centros autorizados de tratamento de vehículo fóra de uso en Galicia, e Trameve obtivo a máxima puntuación. E logo por suposto, o fito que vai no día a día. O dar oportunidade de traballar a persoas con algunha discapacidade e con dificultades para atopar traballo pero que, despois de pasar por Trameve, desenvolver habilidades e incorporan coñecementos que os fan atractivos no mercado ordinario e terminan traballando nese mercado. Das quince persoas que estamos a traballar, oito persoas que pasaron por Trameve remataron incorporándose ben sexa no sector da automoción, ben vendendo recambio ou automóbiles; completaron o ciclo co que partimos traballando como centro especial de emprego para apoiar ás persoas con discapacidade.

Cales son os servizos que ofrece a entidade?

Trameve é un centro de tratamento de vehículos fóra de uso, ofrece a posibilidade de entregar un vehículo cando está en fin de vida, o que antes se facía dirixíndose a oficina da DXT máis próxima e solicitando a baixa do vehículo. Agora necesariamente tes que ir a un CAT, e o CAT para a zona de Compostela é Trameve . Aquí facemos a baixa definitiva dos vehículos, incluso facémola a distancia con sinatura electrónica. Logo facemos un despezamento e aproveitamento do vehículo fóra de uso. Non todo vehículo despezado se pode volver a recolocar como recambios no mercado de ocasión porque o mercado non absorbe tal cantidade de recambios, pero o certo é que identificamos certos recambios que si teñen esa posibilidade. Facemos un despezamento selectivo, unha comprobación con medicións de calidade para saber que eses compoñentes están en bo estado de uso; despezamos ese vehículo e poñémolo á venda como recambios de ocasión. Calquera cidadán, calquera profesional da reparación do automóbil pode mercar un recambio en Trameve.

Como facemos o proceso interno? Primeiro unha captación de vehículos. Temos unha persoa que fai visitas comerciais a talleres de toda Galicia, captamos vehículos fóra de uso, tramitamos a baixa definitiva, sometemos o vehículo no taller a un proceso que se denomina descontaminación que consiste en extraer todos os compoñentes que son nocivos, almacénanse temporalmente e envíanse a xestores autorizados. Deste xeito garantimos que non se haxa contaminación medio ambiental.

A seguinte parte, a parte de desmontaxe para o aproveitamento para recambios, pode ser máis ou menos exhaustiva, máis ou menos intensa, en función dos intereses que teñan eses recambios no mercado. Establecemos un proceso de comprobación deses recambios, desmontaxe, limpeza, marcaxe e logo, moi importante, facemos un fotografado e unha incorporación de todos eses datos técnicos e fotográficos a unha aplicación informática que nos permite ter a información dispoñible para a venda, para que aparezan os recambios dispoñibles na web e poidan ser vendidos a través de chats como Whatsapp e demais que facilitan moito a recolocación de todo este recambio no mercado. Trátase dunha acción social importante porque permite que calquera cidadán poida mercar un recambio, non necesariamente pagar un recambio orixinal cando ao mellor é para un vehículo que ten un certo uso e que o razoable é incorporar unha peza de ocasión. O aforro pode chegar ao 70 ou 90% do prezo que custa a peza nova, este é o principal atractivo. Vendemos con garantía, coa posibilidade de que ese recambio poida ser cambiado ou devolto no caso de que as características técnicas non sexan as que necesitan.

Contamos cun equipo humano moi profesional, somos moi profesionais. Intentamos mellorar os procesos tódolos días. Traballamos con persoas con discapacidade pero con persoas con moitas capacidades para desenvolver esa tarefa concreta que fan. Do mesmo xeito que os coches en fábrica fanse nunha liña de produción, nós temos unha liña de desprodución, é dicir, hai persoas que traballan na descontaminación, outras na desmontaxe, outras na venda. Temos un posto do que non temos coñecemento que teñan outras empresas do sector, o de asesor comercial operativo; cando contactas con Trameve para comprar un recambio estás falando a través dun chat cunha persoa que vaite atender de principio a fin, para saber exactamente o que necesitas, vai a buscar no noso stock, vai a buscar no noso aplicativo, vai a localizar o mellor recambio e vaise a encargar da facturación e da entrega ao cliente dese recambio. Para isto necesitamos un equipo humano moi bo e témolo. E seguimos formando e tratando de apostar polas persoas. Aínda que teñan unha pequena discapacidade non pode ser un impedimento para que esa persoa se desenvolva no mercado laboral, queda demostrado que temos un bo equipo, que estamos traballando todos os días e que temos que seguir traballando.

Para aquelas persoas que non coñezan este modelo empresarial, poderías explicar que é un centro especial de emprego?

Un centro especial de emprego opera no mercado como unha empresa ordinaria e caracterízase porque o 70% do seu cadro de persoal, no caso de Trameve son case o 100%, ten algún tipo de discapacidade. Se tes máis do 70% da cadro de persoal e solicitas a cualificación á Xunta de Galicia como centro especial de emprego podes optar a selo e traballar na actividade que consideres oportuna e, evidentemente, tes que defenderte no mercado como unha empresa máis, tratando de ser sostible no tempo. No grupo empresarial de Cogami todos os excedentes económicos que xeran as actividades son reinvestidas no colectivo para ben sufragar perdas doutros centros especiais de emprego ou ben poñer en marcha novas iniciativas que sigan traballando en pos da mesma finalidade.

A Economía Social facilita a incorporación laboral das persoas con discapacidade e en situación ou risco de exclusión social

Levamos moitos anos traballados, pasaron épocas mellores, épocas de crise. Pero o certo é que as persoas con algún tipo de discapacidade ou en risco de exclusión social viven sempre en crise. Teñen que estar sempre buscando a xustificación de que valen para traballar, por suposto que valen. O que hai que facer é centrar os esforzos en aproveitar o seu talento. As persoas somos moi boas para unhas tarefas e outras non se nos dan tan ben. Máis alá de ter discapacidade ou non tela hai que centrarse no que realmente se che da ben, no que tes talento, no que esforzándote un pouco avanzas máis que a media.

O importante é que todo o mundo teña a súa oportunidade e que todo o mundo vaia buscando o lugar no que mellor encaixa para poder aportar á sociedade e para poder desenvolverse non só laboralmente. Queda moito por traballar, levamos traballado moitos anos, a experiencia tamén nos fai ir aprendendo onde podemos ir apuntando, o importante é que todo o mundo teña a súa oportunidade.

 

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar
Contidos relacionados
Por algún motivo no se a completado la carga del carrusel, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar